Unha incursión na historia teatral de Ferrol. A Casa das palmeiras acolle o xoves 27 de xuño, a partir das 20.30 horas, a presentación do libro Teatro Estudio de Ferrol, do dramaturgo e escritor cabanés Francisco Oti. Será nunha velada na que se proxectará ademais “As muletas”, protagonizada por parte do elenco da desaparecida compañía.
O autor da obra, publicada por Ediciones Invasoras, estará acompañado desta volta polas persoas que asinan o prólogo e o epílogo do traballo, o escritor nedense Vicente Araguas e o director e autor teatral Eduardo Alonso.
Teatro Estudio de Ferrol explora a historia deste grupo ferrolán que durante algo máis dunha década – entre 1957 e 1968- fixo teatro de altura, cun repertorio de vangarda, nunha época marcada pola ditadura e a censura.
A traxectoria, os actores e actrices que pasaron pola compañía, residente no instituto Concepción Arenal (“o masculino”), os seus éxitos e fracasos… alimentan as páxinas do novo libro de Oti, autor tamén de Alicerces teatrais en Galiza.
A particular homenaxe que se brindará en Neda a ese “centro dramático” ferrolán completarase coa proxección da mediametraxe “As muletas”, escrita e dirixida polo citado Eduardo Alonso, quen formou parte dos últimos anos daquela “aventura”. A película, estreada o pasado mes de abril no Ateneo ferrolán, foi rodada no ano 1968, e conta entre os seus protagonistas con parte do elenco da insigne compañía.