O alcalde de Neda, Ángel Alvariño, informou esta mañá de que o Concello vén de sacar a contratación diferentes obras de acondicionamento de camiños por un importe superior aos 163.000 euros. As intervencións financiaranse con cargo ao POS+2021 da Deputación provincial da Coruña, e permitirán avanzar na mellora do firme da red viaria municipal. En concreto, as actuacións contemplan a pavimentación dos camiños Rabadeña-Fábrica do Monte, por importe de 45.007,54 euros; do camiño do Vilar (en Casadelos), dende o cruce de subida ao monte de Ancos e ata o cruce de Forxá a San Antonio, cun investimento de 55.977,59 euros, e o camiño de Alcallás-Cruz do Pouso, no treito en Mourela do Medio, dende o cruce de baixada de Mosteirón ata o cruce en Cruz do Pouso co vial autonómico AC-862, por importe de 62.094,65 euros.O prazo de execución de cada unha das intervencións é de 2 meses.
Nesta liña, as empresas en optar aos contratos poderán presentar as súas ofertas ata o 19 de agosto, e consultar a documentación na plataforma de contratos do sector público.
Deste xeito, o Concello busca mellorar o estado dos viais, moi deteriorados polo paso do tempo e o intenso tráfico que soportan, así como polos efectos do tránsito continuo de vehículos adicados ao transporte de madeira no caso vial Rabadeña-Fábrica do Monte.