Sábado, Decembro 3

O Concello saca a contratación as obras de aglomerado dos camiños Os Tortos, As Barreiras e Riocobo, nos que investirá 82.000 euros

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Concello de Neda levará a cabo o aglomerado dos camiños Os Tortos, As Barreiras e Riocobo cun investimento de 82.155,43 euros procedentes do orzamento municipal. Esta semana sacaba a contratación as obras, tras recibir as últimas autorizacións sectoriais necesarias por parte da Axencia Galega de Infraestruturas e de Augas de Galicia. Así, as empresas interesadas en presentar a súa oferta poden facelo ata o 12 de decembro, e acceder a toda a documentación a través da plataforma de contratación do sector público.

Con estas intervencións, o Concello procederá ao aglomerado dos tres viais, hoxe pavimentados por medio de regos asfálticos e cun deficiente estado do firme, dotándoos dunha solución permanente no tempo que mellore a seguridade vial e diminúa os gastos de mantemento derivados.

No caso dos camiños dos Tortos e das Barreiras, o Concello tivo que xestionar os correspondentes permisos sectoriais por parte de Augas de Galicia. No primeiro caso, pola proximidade do vial ao Río Castro e, no segundo, ao cauce de auga de Pouso Vello ao Río Grande Xubia. A estes sumouse a autorización da Axencia Galega de Infraestruturas no caso dos Tortos dada a súa cercanía ao vial AC862.

Share.

Comments are closed.