O Concello de Neda está a levar a cabo estes días traballos de acondicionamento do lousado da zona traseira da praza da Casa das Palmeiras, substituíndo as pezas máis deterioradas por outras novas. Operarios municipais contratados ao abeiro da liña de axudas do PEL da Deputación provincial son os encargados das labores, iniciadas hai días e moi condicionadas pola situación climatolóxica.
Así mesmo, e aproveitando esta intervención, o Concello tamén está a construír unha nova rampa de acceso ao inmoble na súa parte traseira. A anterior era de madeira e o paso do tempo provocou o seu deterioro. Agora estase a realizar en formigón coa intención de recubrila de lousa, acorde coa estética da praza que acolle este emblemático inmoble de estilo indiano.
Se o tempo non entorpece os traballos, estímase a súa conclusión para a próxima semana.