O Concello de Neda ampliará e reforzará as partidas destinadas a axudas de emerxencia social para asegurar a cobertura das necesidades básicas da veciñanza en materia de alimentación, vivenda e gastos farmacéuticos, entre outros, cos 39.924,59 euros do POS+Adicional Social. Así o acordou a corporación municipal en pleno, e por unanimidade de todos os grupos. En todo caso, o Concello de Neda subliña que, con independencia das axudas aportadas pola Deputación, destinará como é habitual os fondos precisos para garantir calquera necesidade neste capítulo.
As axudas de emerxencia social están destinadas a veciños e veciñas en risco de exclusión social, persoas maiores e con diversidade funcional ou vítimas de violencia de xénero, que carecen dos medios económicos sufientes para cubrir as súas necesidades básicas.
En concreto, os fondos do POS+Adicional Social destinaranse a sufragar os gastos derivados das compras mensuais que se realizan con destino ás 60 familias que cada mes reciben esta axuda, así como das entregas especiais en datas sinaladas tal que Entroido, Semana Santa, Nadal…
Tamén servirá para apoiar ás familias a afrontar os gastos de aluguer de vivenda, cuotas de hipoteca, reformas esenciais nos inmobles que garantan a súa habitabilidade, gastos de recibos da luz, adquisición de electrodomésticos e mobiliario esencial…
E, finalmente, as axudas destinaranse á adquisición de EPIS e gastos farmacéuticos.
Ademais, o Concello reserva unha partida de 600 euros para a adquisición dunha tablet para o departamento municipal de Servizos Sociais, de modo que o persoal poida acceder aos expedientes nas súas visitas habituais a domicilios.