O Concello recibe da Deputación o visto bo ao modificado de proxectos das obras no Murallón, Ardá e Cruz do Pouso-Fontevella necesario para a licitación

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O pleno da Deputación provincial da Coruña aprobaba na súa última sesión celebrada en febreiro os proxectos modificados das obras de acondicionamento de varios camiños e pistas municipais presentados polo Concello de Neda. Un trámite necesario para que a Administración saque de novo a contratación as obras tras dous procesos fallidos, que quedaron desertos ao non presentarse ningunha empresa. Para dar solución á situación, o Concello aumentaba o orzamento das intervencións nuns 75.000 euros, elevando a partida conxunta máis aló dos 208.000 euros. Ese incremento será asumido integramente pola Administración local, que complementará así o investimento provincial. Xa que as obras se financiaban inicialmente con fondos do POS da Deputación, era imprescindible contar co seu visto bo para volver a licitar as intervencións.

Así as cousas, o Concello prevé sacar a contratación de inmediato os traballos de aglomerado, que se levarán a cabo nos:

-Camiños no Murallón, cun investimento de 63.359,92 euros -fronte aos 38.739,52 euros iniciais-.

-Camiño de Ardá, cun investimento de 71.255,85 euros -fronte aos 46.041,71 euros iniciais-.

-Camiño de Cruz do Pouso-Fontevella, cun investimento de 73.783,54 euros -fronte aos 48.717,76 iniciais-.

Share.

Comments are closed.