O Concello promocionará na ponte de decembro os produtos das panaderías de Neda con degustacións gratuítas en 15 locais de hostalería

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

Coincidindo coa ponte de decembro o Concello porá en marcha “Neda a petiscos”, un programa de degustacións nos negocios de hostalería do municipio, pensado para promocionar os produtos das panaderías de Neda entre os veciños e os peregrinos e visitantes que pasen pola vila durante estes días de descanso. A iniciativa pretende ademais fomentar que a xente se achegue durante estas xornadas aos bares e aos restaurantes locais.

O Concello subministrará aos establecementos participantes o produto – bola de ovo, proia, bica ou empanadas variadas- que servirán gratuitamente, a modo de petisco, ben acompañando ao café matinal ben coas consumicións que se fagan á hora do vermú. Cada día tocaralle a locais diferentes, de maneira que, entre o sábado 4 e o mércores 8 de decembro, cada un dos 15 establecementos de restauración que participarán na iniciativa contarán con unha degustación.

“Neda a petiscos”, ademais de contribuír a apoiar ao sector hostaleiro da vila, un dos grandes prexudicados pola pandemia, busca por riba de todo poñer en valor e fomentar o consumo de pan e doutras especialidades das panaderías de Neda. Así, quen complete este singular calendario de citas gastronómicas terá ocasión de probar distintas produtos da confeitaría O Carrizo, panadería J. Castro Hermanos, La Nueva, Panificadora Germán, La Gallega, Santa Rita, Modesto Hermida, Forno de Binuca, Viuda A. Romero e Forno de Liñares.

Empanadas ao mediodía

Cinco locais de restauración, un por día, servirán os doces entregados polo consistorio, durante os almorzos. Trátase de La Flor de mayo, La Cortesa, O Rubio, Graña e Oriental.

En paralelo, outros nove bares apostarán por animar a hora do viño, repartindo entre a súa clientela petiscos de empanada. O Concello fixou dúas degustacións por xornada, facilitando así que os clientes poidan desfrutar de ambas as dúas. Na hora sinalada, os locais participantes servirán o produto proporcionado polo Concello, que chegará a cada cita dende dúas panaderías diferentes.

O calendario arrincará o sábado 4 de decembro no bar Chámalle como queiras e máis na Taberna O Carreiro. O domingo será a quenda do Recuncho e máis de O Lagar do Camiño. O día da Constitución toman a testemuña, Jupe e O Fumazo. O martes 7, o café bar Albarón. E completarán o programa, xa o mércores 8 de decembro, a Cantina do Roxal e o gastrobar Harina & Brasa.

Finalmente, e como deferencia a quen opte por aloxarse en Neda nesas datas, na Pensión Residencia Maragoto -único aloxamento da vila que serve almorzos- tamén se ofrecerán doces dunha panadería diferente cada día.

Dende o Concello anímase a veciños e visitantes a participar nas degustacións durante a próxima ponte e agradecen a colaboración brindada por parte das panaderías e da hostalería local, que se reflicte nos datos de participación. Só cinco bares de todo o municipio decidiron quedar ao marxe de “Neda a petiscos”, ao que se quixeron sumar dez das trece panaderías do municipio.

Share.

Comments are closed.