O Concello de Neda ultima de cara á vindeira semana dúas accións de sensibilización destinadas a trasladar aos nenos e nenas da vila a necesidade de conseguir unha igualdade plena de dereitos e oportunidades entre homes e mulleres. Trátase dos obradoiros “Maruxa Poppins” e “Galicia fem”, nos que haberá que apuntarse para participar, chamando ao teléfono 981390233, en horario de mañá, os días 23 e 26 de xuño.
A primeira das actividades chegará á Casa da Cultura de Neda o martes 27 de xuño, a partir das 11.30 horas. Será o contacontos Maruxa Poppins, destinado aos menores de entre 3 e 6 anos. Unha proposta interactiva na que os propios cativos/as, coa súa sabedoría, axudarán á protagonista a comprender que o mundo pode ser mellor e máis igual para todos e todas. Ademais, participarán na creación dun mural colectivo.
Ao día seguinte, á mesma hora, será a quenda dos rapaces de entre 7 e 12 anos. Para eles vai “Galicia fem”, un espectáculo no que a participación é a clave. E así, recreando un concurso televisivo, a proposta reivindica a mulleres destacadas da historia de Galicia e aborda cuestións como o uso dunha linguaxe inclusiva. A iniciativa complétase cunha dinámica grupal, pensada para aprender e debater.
Estes obradoiros, con prazas limitadas, son financiados con cargo aos fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, e poñen o foco nos danos que producen a desigualdade e as distintas formas de violencia machista. Son pois unha aposta por inculcar á infancia valores e actitudes como o respecto, o recoñecemento mutuo e a corresponsabilidade.