O Concello licita as obras de substitución da cuberta e das fiestras do salón de actos da Casa da Cultura

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Concello de Neda procederá a cambiar a cuberta da Casa da Cultura nunha intervención que tamén contempla a substitución das fiestras do salón de actos do edificio. En suma, a Administración local reserva unha partida de 75.762 euros do POS+2023 para acometer estes traballos, que se atopan en fase de licitación.

Así, as empresas interesadas en executar a actuación poden consultar o expediente na plataforma de contratación do sector público e presentar as súas ofertas ata o próximo 6 de setembro. A obra sae por segunda vez a contratación, despois de que nunha primeira licitación quedara deserta.

O obxectivo das obras é poñer fin ás filtracións de auga e problemas de humidade que se veñen rexistrado no inmoble durante os últimos invernos, a raíz do deficiente estado da instalación de pluviais da cuberta. Problemas que tamén afectan ao sistema de apertura das ventás, tamén deterioradas polo paso do tempo nun inmoble construído no 1960.

A cuberta é a orixinal. feita con fibrocemento propio da época, co que se precisará de equipos especiais de eliminación de amianto. De aí, que haxa que facer fronte a constantes gastos de reparación e mantemento. Agora, adóptase unha solución definitiva, instalando unha cuberta de panel sándwich de aceiro galvanizado e máis unha adecuada instalación de pluviais.

Finalmente, a substitución das actuais ventás, resoltas con materiais doutra época, por unhas novas de PVC, bicolor no salón de actos, e dotadas de persiana, suporá unha importante mellora a nivel térmico e acústico das dependencias. E isto implicará ademais un notabilísimo aforro no consumo enerxético dedicado tanto a quentar como a arrefriar o inmoble nas diferentes épocas do ano.

Share.

Comments are closed.