O Concello de Neda lembra ás familias de Santa María e As Augas que se viron afectadas polas recentes riadas que o prazo para solicitar as axudas para paliar danos materiais en vivendas e enseres, que concede o Ministerio de Interior, vence o vindeiro 14 de decembro. A administración local conta dende a pasada semana con dous técnicos municipais destinados a axudar ás persoas prexudicadas na tramitación desas peticións.
A liña de subvencións, da que a Subdelegación do Goberno na Coruña informaba na vila, ten carácter subsidiario respecto de calquera outro sistema de cobertura de danos, público o privado, do que poidan ser beneficiarios os afectados. E cando eses sistemas non cubran a totalidade dos danos producidos, será complementaria. O goberno local encomendaba a semana pasada a persoal municipal a misión de facilitar o proceso de solicitude, botando unha man aos residentes afectados que se acheguen á casa consistorial.
Segundo o explicado na citada reunión, persoal do Concello ten que redactar ademais o informe técnico de danos correspondentes a cada fogar. Quedou en mans do arquitecto municipal este labor, que levará un tempo. Con todo, o fundamental para optar ás axudas será presentar en prazo a solicitude no rexistro municipal, pois despois haberá máis tempo para poder aportar a documentación precisa.
As subvencións estatais van destinadas a cubrir os gastos das vivendas habituais das familias. Cobren ata un máximo de 10.320 euros no caso de que a casa rexistrara danos estruturais; 5.160 euros para as que non os teñen; 2.580 euros por destrución e danos nos enseres domésticos.
Finalmente, o Concello reitera que dispón de axudas de emerxencia social para facer fronte a gastos urxentes e de primeira necesidade, especialmente no caso de familias con limitados recursos económicos; axudas que, tal e como se informou á veciñanza, teñen que ser solicitadas para poder concederse.