O Concello de Neda informa do inmediato inicio das obras de acondicionamento das beirarrúas e mellora das redes de servizos no tramo da Avenida de Alxeciras, que se estende entre a rúa Roseira e a Curva do Regueiro. Unha intervención prioritaria, que levará aparelladas restricións no que atinxe tanto ao estacionamento de vehículos como ao acceso aos garaxes da zona.
Así, a partir de este luns, 28 de agosto, ás 8 horas, e ata a finalización dos traballos, prohibirase aparcar na marxe esquerda (en dirección Fene) do citado treito da avenida, Nese mesmo tramo, tampouco se poderá acceder aos garaxes existentes. Conscientes da importancia das limitacións, dende o Concello piden aos veciños e veciñas desculpas anticipadas polas molestias.
As obras que se poñen en marcha a próxima semana buscan dotar á zona dunha imaxe urbana acorde co resto da vía, aumentar a seguridade dos peóns, dotando ao tramo dunha superficie peonil lisa, sen resaltes nin obstáculos; e mellorar as redes de servizos básicos (renovación da rede de pluviais en ambas marxes e substitución das canalizacións de fibrocemento da rede de abastecemento).
A partir da próxima semana procederase á demolición do actual pavimento de formigón en masa, e iniciarase a retirada das conducións de servizos a substituír. Deseguido instalaranse as novas canalizacións e, finalmente, implantarase o novo pavimento de baldosa hidráulica, cos seus correspondentes bordos.
O Concello investirá nesta obra, adxudicada a Construcciones Siber Ordes SL e financiada con cargo a fondos provincias do Plan de Obras e Servizos 2022, un total de 101.640 euros.