O Concello de Neda abrirá mañá mércores o prazo de inscrición na programación das escolas municipais deportivas e culturais, con novidades para este curso 2021-22. Así, incorpóranse novas actividades como atletismo, tenis e patinaxe para nenos e nenas a partir de 4 anos. As clases, neste caso, celebraranse na pista deportiva do Roxal, descentralizando así as actividades, que tradicionalmente se desenvolven no centro cívico de Neda. Precisamente, a oferta deportiva para nenos e nenas complétase con baile moderno neste último escenario, e coas actividades habituais para persoas adultas: ximnasia de mantenemento, ximnasia funcional, ximnasia terapéutica, ioga, zumba e pilates. No tocante ás escolas culturais, ofreceranse un ano máis os obradoiros de memoria e de mentes activas.
A inscrición abrirase este mércores, e é preciso anotarse no centro cívico de luns a venres de 9,15 a 12,15 h. Así mesmo, as persoas interesadas poden descargarse a ficha de inscrición da web municipal.
En función da demanda, crearanse os grupos e deseñarase o calendario cos horarios definitivos.