O Concello impulsa “Recitais solidarios en Neda” para axudar ás familias con menos recursos

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

Música e solidariedade uniranse a vindeira semana no polideportivo do Roxal. O Concello pon en marcha “Recitais solidarios en Neda”, unha iniciativa de animación neste arranque do verán, que servirá para recoller alimentos para as familias con maiores carencias económicas.

A cita terá lugar a tarde do venres 2 de xullo, a partir das 19 horas, e contará coas actuacións do aresán Geno, e máis dos ferroláns Os Tabernícolas, unha agrupación xurdida na popular Casa Rivera que reivindica os cantos de taberna, reinterpretando temas populares e clásicos de sempre, acompañados por guitarras, mandolinas e laúdes.

A entrada aos recitais será de balde. E os asistentes poderán contribuír á causa, doando alimentos non perecedoiros, preferentemente latas de conservas. Os víveres recollidos, entregaranse posteriormente ás persoas da localidade con maiores dificultades económicas.

Por mor das restricións fronte á covid-19, para asistir será preciso anotarse previamente. As persoas interesadas xa poden apuntarse chamando ao teléfono 981390233. Dende o Concello lembran que durante o evento será obrigado o uso de máscaras.

Share.

Comments are closed.