O Concello de Neda vén de editar a “Guía municipal contra a violencia de xénero”. Unha publicación da que se imprimiron uns 2.000 exemplares para a súa distribución casa por casa vía correo postal. Con ela, a Concellería de Igualdade busca, a través da información e a sensibilización, contribuír a erradicar esta lacra social.
A avogada Juana Tenreiro é a autora dos textos da guía, que inclúe tamén un apéndice de recursos dirixidos especificamente ás mulleres vítimas de maltrato. Entre outros contidos, aborda os distintos tipos de violencia, os seus ciclos, os dereitos das vítimas, ou os indicadores dunha relación de dominio e control.
O Concello de Neda contou para a súa edición cunha achega do Ministerio de Igualdad a través do Pacto de Estado contra la Violencia de Género.