O programa #NedActívate continuará a próxima semana cunha proposta para toda a familia. Unha ruta de sendeirismo ata a Fervenza do Belelle que partirá da pista deportiva do Roxal. Un itinerario de dificultade baixa pensado para nenos/as e maiores co que desfrutar dunha contorna natural privilexiada. Celebrarase o sábado 28 de xaneiro pola tarde, con saída prevista para as 16:30 horas. Así mesmo, tralo percorrido, duns 3 kms, o Concello habilitará na pista do Roxal un circuito de rocódromo para poñer o broche de ouro á xornada. Ideado para nenos/as e mozos/as de ata 13 anos, poderán amosar nel as súas habilidades na escalada.
A actividade é gratuíta, pero require de inscrición previa, e o prazo ábrese hoxe. Para anotarse, tan só é preciso chamar de luns a venres de 9 a 13 e de 16 a 20 horas ao teléfono da Biblioteca Municipal: 981 39 02 33. Ata o mércores 25 de xaneiro.
Neste proxecto, que busca fomentar hábitos saudables dende a infancia a través do exercicio físico, e implicar a toda a familia, colabora a Asociación de Veciños San Pelaio e a SCD de O Roxal.