O Concello de Neda manterá aberto o prazo de recepción de solicitudes para novas matriculacións na escola infantil municipal Os Pelegríns de cara ao próximo curso 2023-2024. Será así ata completar as prazas ofertadas neste servizo de conciliación da vida familiar e laboral para as familias con fillos e fillas de entre 3 meses e 3 anos. Un servizo hoxe en día gratuíto.
Deste xeito, e no prazo previo aberto pola Administración local, un total de 20 familias formalizaron a solicitude, un trámite que pode realizarse ben na casa consistorial ben a través da sede electrónica.
A escola infantil de Neda atópase no Empedrón, nunha contorna privilexiada situada nas inmediacións do paseo marítimo. De luns a venres, abre as súas portas de 8 a 16 h, con posibilidade de xornada completa, media xornada e horas soltas sumadas a esta última. A programación didáctica prima as actividades manipulativas e lúdicas, a experimentación e o xogo. Cada día, a entrada adáptase ás necesidades das familias e vai dende as 8 ás 10 h. Aí arranca o tempo da merenda na sala de usos múltiples situada na planta baixa. A xornada continúa nas aulas da primeira planta, e para facilitar o cambio, o centro conta con ascensor. A partir das 12 h toca comedor e, ó seu remate, tempo de sesta. Xogo e recollida por parte das familias.