Domingo, Maio 29

O Concello de Neda mantén aberto o prazo de inscrición na Escola Infantil para novos ingresos

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

De cara ao próximo curso, un total de 29 familias solicitaron praza para os seus fillos e fillas na Escola Infantil Os Pelegríns de Neda. Nenos e nenas de entre 3 meses e 3 anos. Así, a día de hoxe aínda quedan prazas vacantes, co que o Concello manterá aberto o prazo de inscrición ata cubrilas. Os trámites para acceder ao servizo de conciliación municipal poden facerse na casa consistorial (oficinas xerais situadas na primeira planta) ou a través da sede electrónica.

A escola infantil de Neda abría as súas portas en 2017 no Empedrón, nunha contorna privilexiada situada nas inmediacións do paseo marítimo. De luns a venres, abre as súas portas de 8 a 16 h, con posibilidade de xornada completa, media xornada e horas soltas sumadas a esta última. A programación didáctica prima as actividades manipulativas e lúdicas, a experimentación e o xogo. Cada día, a entrada adáptase ás necesidades das familias e vai dende as 8 ás 10 h. Aí arranca o tempo da merenda na sala de usos múltiples situada na planta baixa. A xornada continúa nas aulas de 0 a 3 e de 1 a 2 anos, na primeira planta, e para facilitar o cambio, o centro conta con ascensor. A partir das 12 h toca comedor e, ó seu remate, tempo de sesta. Xogo e recollida por parte das familias.

O equipo do centro municipal está integrado por 2 educadoras, 1 directora e 1 cociñeira que se encarga de elaborar nas propias instalacións, con cociña, os menús diarios dos nenos e nenas, seguindo un recetario saudable e adaptado ás súas necesidades.

 

Share.

Comments are closed.