O Concello de Neda levará a pleno a bonificación do IBI para inmobles con sistemas de aproveitamento térmico ou fotovoltaico

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Concello de Neda levará a pleno unha modificación da ordenanza reguladora do Imposto de Bens Inmobles (IBI) para incorporar a bonificación do 50% da cota íntegra para aqueles inmobles que teñan instalado sistemas para o aproveitamento térmico ou fotovoltaico da enerxía solar destinados ao autoconsumo. Iso si, esta bonificación será aplicable no caso daqueles inmobles que non teñan a obriga legal de incluír nas súas instalacións un sistema de aproveitamento de enerxía solar.

A modificación que plantea o Concello está actualmente en fase de consulta pública previa na web municipal, ata o 19 de marzo. Unha fase que dá a opción a veciños e veciñas de plantear as súas alegacións ou observacións para a súa valoración por parte da Administración local.

No documento a consulta, establécese que a bonificación terá unha duración de 5 anos a partires do exercicio seguinte ó da súa instalación.

Ao detalle, as instalacións fotovoltaicas deberán proporcionar un aporte mínimo de 2000 watios de potencia por cada 100 m2 construídos de vivenda; e 5000 watios por cada 100 m2 para outros usos. As instalacións térmicas disporán dunha superficie mínima de captación solar útil de 4 m2 por cada 100 m2 construídos de vivenda.

No caso das instalacións térmicas, a aplicación da bonificación estará condicionada a que estas instalacións inclúan captadores solares que dispoñan da correspondente homologación da Administración competente.

Corresponderá ó solicitante a acreditación documental de que se cumpren os requisitos antes referidos, recaendo nos servizos técnicos municipais a verificación do mantemento da instalación en tanto se manteña a bonificación do imposto.

Share.

Comments are closed.