O campo de fútbol municipal de San Isidro conta dende esta semana con novos banquillos. O Concello de Neda procedía no día de onte á súa instalación, tras recibir as infraestruturas, encargadas hai meses. Unha actuación que se inclúe nos traballos de mellora das instalacións e equipamentos deportivos do municipio. No caso concreto do terreo de xogo de San Isidro, incluíu recentemente a renovación da varanda que delimita o campo. Ademais, na actualidade estase a levar a cabo a ampliación da cuberta da zona das gradas, e nas próximas xornadas iniciarase a substitución do peche perimetral.
No caso dos banquillos, os anteriores atopábanse nun avanzado estado de deterioro que aconsellaba a súa renovación. Os instalados están fabricados mediante perfís de aceiro galvanizado e cuberta en chapa galvanizada, destacando pola súa resistencia.