Domingo, Agosto 16

O Concello de Neda informou nunha charla das claves para garantir a saúde ocular durante a eclipse solar

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

Nin gafas de sol escuras, nin radiografías, nin gafas de soldar cun índice inferior a 14…Só unhas gafas homologadas para ver eclipses solares e unha boa dose de sentido común permitiranos desfrutar con seguridade do fenómeno astronómico que terá lugar o 12 de agosto. Jacinto Portela e Pedro Hernández, óptico-optimetristas de Portela ópticos, protagonizaron onte a tarde na Casa das Palmeiras a charla “A eclipse solar na túa retina: Anatomía dunha lesión invisible”, promovida polo Concello de Neda.

Na sesión, abordaron os posibles danos irreversibles que a observación, sen protección, da eclipse pode causar na retina ou na superficie ocular. Ademais, os expertos desmontaron mitos, e insistiron na necesidade de que as gafas para eclipses, que teñen que usarse durante todas as fases do fenómeno para observacións breves, cumpran a norma ISO 12312-2.. Advertiron finalmente do perigo que representaría mirar ao sol con prismáticos ou cámaras coa única protección das gafas. E apuntaron que gravar co móbil ou facer mil fotos a esgalla estragará o sensor de luz do smarthphone ou da cámara dixital, para os que existen filtros especiais.

A iniciativa municipal concluíu co agasallo, por parte de Portela ópticos, de gafas homologadas ao público asistente para poder desfrutar , sen xogarse a vista, da aliñación de Sol, Lúa e Terra.

Share.

Comments are closed.