Martes, Decembro 3

O Concello de Neda aproba por unanimidade unha declaración institucional en contra do Parque Eólico Caaveiro

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O pleno do Concello de Neda aprobou esta mañá por unanimidade unha declaración institucional de rexeitamento ao Parque Eólico Caaveiro. Un manifesto que recibiu o apoio de todos os grupos municipais con representación na corporación, e que se suma a outras accións de oposición como a manifestación convocada pola plataforma veciñal NEDA DI NON, e que secundaba a corporación o pasado sábado en contra do proxecto; as reunións veciñais para informar e axudar na tramitación das alegacións á veciñanza, ou a redacción das propias alegacións por parte do Concello.

No escrito aprobado esta mañá, a corporación amosa a súa máis frontal oposición á instalación do parque, xa que “de ningún xeito poden prevalecer os proxectos industriais, os intereses de empresas privadas con claro ánimo de lucro, sobre a protección ambiental, paisaxística, cultural, arqueolóxica, hidrolóxica e sobre o interese social, nin de xeito moi especial sobre os lexítimos dereitos da veciñanza”. Así mesmo, apuntan que parques como o previsto “unha vez instalados non xeran emprego, como se amosou ao longo do tempo nos parques que xa se atopan en funcionamento”. Por iso, a corporación considera no manifesto que “é urxente, necesaria e conta co noso total apoio a transición enerxética, a implantación de modelos de enerxía renovable, pero xamais de forma abusiva, senón de maneira ordeada, pois esta implantación non pode servir de carta branca para destrozar un territorio, destrozar un patrimonio a cambio de moi poucos cartos, comprando terreo barato e convertilo de facto en solo industrial, sen ademáis xerar industria nin emprego, transición enerxética si pero naquelas zoas que resulten con capacidade técnica e respeto medioambiental, e por suposto acompañado de desenvolvemento industrial, estamos a favor da verdadeira transición enerxética, sostible e harmónica, dando resposta ás necesidades sociais das nosas e sucesivas xeracións”.

Continúa o manifesto sinalando que “o parque eólico Caaveiro non cumpre estas premisas, en modo algún prioriza os criterios medioambientais, culturais, históricos e antropolóxicos frente aos criterios económicos e especulativos”. Así mesmo, explicita que se plantea ademais “como un evidente fraude de lei, cunha fragmentación artificiosa da infraestrutura do proxecto, pois trátase dun conxunto de parques que en realidade son un parque único, que comparten infraestruturas imprescindibles para o seu funcionamento e se dividen de maneira artificiosa para un fin perverso, que non é máis que impedir a avaliación global do impacto ambiental do conxunto das infraestruturas do proxecto industrial real”. E, sobre isto, apunta que se trata de “proxectos expostos precipitadamente, con prazos curtos para a actuación de concellos e veciñanza, o que impide a participación pública”.

Por todo isto, e na súa parte final, o manifesto conclúe que “o Concello amósase contrario ao destrozo que supón este proxecto, á flagrante vulneración dos lexítimos dereitos da veciñanza a seguir desfrutando do seu entorno rural, do seu dereito a non sufrir a perda de valor das súas propiedades, que evidentemente leva consigo o impacto visual e acústico dos xeradores, a ver ameazados os cauces das augas tanto superficiais como subterráneas e tantos outros danos que en modo algún se poden tolerar”.

No escrito, tamén se insta “ás administracións supramunicipais a que procedan a lexislar e regular de xeito urxente un novo modelo eólico, axustándose aos avances técnicos e á lexislación europea”, e “da Xunta de Galicia o preceptivo informe de impacto ambiental que, evidenciando os perxuicios que a instalación do devandito parque suporía para o ámbito do noso concello, emita informe negativo á instalación do mesmo”. De xeito concreto, “á Delegación do Goberno en Galicia a que proceda a rexeitar a autorización administrativa previa do parque eólico Caaveiro e a paralizar polo tanto a tramitación do proxecto”. Finalmente, anímase á veciñanza á presentación de alegacións mediante adhesión ou polo cauce que cada quen estime oportuno, para o que contan co asesoramento do Concello e de profesionais especializados, agradecendo publicamente a inmensa laboura e o bo traballo da plataforma “NEDA DI NON”, por que así é,  NEDA DI NON AO PARQUE EÓLICO CAAVEIRO.

MANIFESTO CONCELLO DE NEDA

Share.

Comments are closed.