O Concello de Neda activaba nas últimas semanas o servizo de normalización lingüística. Un servizo que impulsa a Mancomunidade e que comparte cos concellos de Ares, Cabanas, Mugardos e Valdoviño. No caso de Neda, a atención presencial por parte da técnica, Iolanda Gomis, lévase a cabo os luns, de 9 a 14,30 horas.
Entre as súas funcións, ofrecerá asesoramento á administración en todo o relacionado coa política lingüística; planificará, xestionará, executará e avaliará accións a prol da lingua galega; centrarase tamén na resolución de dúbidas lingüísticas, e elaborará e recomendará materiais específicos, atendendo ás necesidades dos departamentos municipais.
Máis ao detalle, e en relación ás súas funcións en materia de dinamización lingüística, fomentará o uso do galego no conxunto da sociedade; proporá programas dinamizadores e accións concretas que conciencien á sociedade respecto ao uso e prestixio da lingua galega, e a impliquen no proceso normalizador; fomentará o uso do galego no ámbito socioeconómico e, en xeral, en todos os sectores de importancia para a súa repercusión social, ou promoverá e coordinará redes de traballo para o fomento do uso do galego no ámbito asociativo, educativo, empresarial, etc., do termo municipal.