O Concello de Neda acollerá do 21 ao 23 de outubro as súas primeiras Xornadas Micolóxicas. Organizadas pola Administración local, estarán guiadas pola Asociación Micolóxica Viriato, e hoxe mesmo ábrese a inscrición, gratuíta, nas mesmas. Para formalizala é preciso chamar ao teléfono 981 39 02 33 de luns a venres (ata o día 20 ou completar prazas, en horario de 9 a 13 e de 16 a 20 horas).
As dúas primeiras xornadas, a do xoves e a do venres, desenvolveranse no salón de actos da Casa da Cultura, en horario de 19,30 a 21 horas. Nelas, a Asociación Viriato impartirá obradoiros de carácter práctico dirixidos ao público en xeral interesado en coñecer as diferentes variedades de cogomelos, incidindo especialmente naquelas máis típicas e abundantes na nosa zona, e facendo especial fincapé na identificación das velenosas. Para iso, os técnicos acompañarán as súas explicacións de proxeccións e, como non, dos cogomelos obxecto de análise.
A terceira xornada, a celebrar o sábado 23 de outubro, contemplará unha saída polo cauce fluvial do Belelle para realizar unha observación en primeira persoa dos coñecementos adquiridos nos obradoiros previos.