Martes, Xaneiro 31

O Concello de Neda abre inscricións no obradoiro “(Algúns) camiños creativos na fotografía”, que impartirá a artista Sabela Eiriz

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Concello de Neda abre inscricións no obradoiro de fotografía “(Algúns) camiños creativos na fotografía”, que impartirá este sábado, de 10:30 a 13:30 horas, a artista Sabela Eiriz no marco da exposición “Arte Ambulante” de A Colectiva. Celebrarase na Casa das Palmeiras, está dirixido a persoas maiores de 16 anos, e a participación é gratuíta. Con prazas limitadas, é preciso anotarse na casa da cultura, de luns a venres de 9:00 a 13:00 e de 16:00 a 20:00 horas -ata completar aforo-.

“(Algúns) camiños creativos na fotografía” será un obradoiro de inmersión no proceso creativo a través da fotografía, partindo da poética e da narrativa das imaxes, trenzándoas e combinándoas con outros formatos e linguaxes, como a literatura, a performance ou a música.

Traballarase coa poética e a narrativa das imaxes fotográficas para indagar en camiños ou puntos de partida creativos. Para elo, teranse presentes outras formas de expresión artística, combinándoas ou entrecruzándose coas imaxes, así como os intereses e as experiencias persoais que atravesan as ideas. Trátase dun obradoiro destinado a personas con interese na fotografía e no proceso creativo, pero non é requisito ter experiencia previa en fotografía, pois tamén son benvidas persoas doutras ramas creadoras e artísticas.

Recoméndase levar o teléfono móbil con batería ou con cargador. Así mesmo, cada participante traerá tamén entre 1 e 5 fotografías (preferentemente impresas) que pertenzan a un mismo grupo, idea, serie, álbum ou proxecto. É indiferente a súa orixe ou estética, o interesante é que teñan algún vínculo ou interese persoal e que funcionen como conxunto.

 

Share.

Comments are closed.