O Concello dá a coñecer o patrimonio histórico, cultural e natural do municipio a través do programa de rutas guiadas “Descubrindo Neda”

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Concello de Neda organizará rutas guiadas todos os mércores de agosto coas que dará a coñecer o extraordinario patrimonio histórico, cultural e natural do municipio. Arrancan a próxima semana e mañá ábrese a inscrición no teléfono 981 39 02 33 para a primeira delas: Ruta polo casco histórico de Neda. Celebrarase o mércores 11 ás 19 horas, e partirá do Albergue de Peregrinos. Entre os puntos de interese do itinerario destaca a beleza do paseo marítimo, a arquitectura relixiosa das igrexas de Santa María e San Nicolás, edificacións singulares como a Torre do Reloxo ou os fermosos soportáis da rúa Real. O percorrido é de dificultade baixa, apto para nenos e maiores, e as prazas, como en todos os casos, serán 20 máis a guía, a técnica de Turismo Victoria Fornos.

O calendario de “Descubrindo Neda” continuará á semana seguinte coa Ruta circular dende o Pazo de Isabel II o mércores 18 de agosto. Como a anterior, a hora de encontro serán as 19 horas, e o punto, o pazo que lle dá nome á ruta. Neste caso, o itinerario alcanzará os muíños Taxonera e da Barcia, a Fervenza, o miradoiro de Viladonelle, o castro e a igrexa de San Andrés. Un itinerario en plena natureza para contemplar algúns dos máis singulares recursos naturais e patrimoniais da localidade. Desta volta, a dificultade é media, cunha duración de 2 horas para cubrir os 4 quilómetros previstos. A inscrición abrirase o xoves 12 de agosto.

A Ruta circular dende a Cruz do Pouso porá o broche de ouro ao programa o 25 de agosto. Ás 19 horas terá lugar dende a explanada das naves de Bouza a saída desta andaina guiada circular. Tamén con dificultade media, 2 horas de duración e 7 quilómetros de percorrido, o prazo para reservar praza abrirase o xoves 19. Permitirá coñecer de preto o Muíño de Pólvora e as igrexas de San Pedro e dos Remedios desfrutando dunha fantástica paisaxe.

En todos os casos, os prazos de inscrición abriranse os xoves precedentes ás rutas e pecharanse os martes da semana de celebración (ou antes no caso de completar as prazas permitidas polas restricións impostas pola covid-19).

Share.

Comments are closed.