Martes, Decembro 3

O Concello convoca este xoves no Roxal a primeira reunión veciñal sobre o Parque eólico Caaveiro

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Concello de Neda programa para este xoves, no polideportivo do Roxal, a primeira das reunións veciñais para informar sobre a proxecto do Parque eólico Caaveiro, presentado por Enel Green Power, que contempla a instalación de 14 aeroxeneradores en San Sadurniño, Neda, Fene e Cabanas. O encontro, que terá lugar a partir das 17 horas, servirá para abordar as afeccións que conlevaría a construción do parque, e ver as opcións abertas aos propietarios de montes afectados e ao conxunto da poboación.

Da man do presidente da Asociación Ventonoso, José Antonio Diéguez, o concello quere que os veciños teñan unha información o máis precisa e clara posible sobre o actual boom da eólica, e sobre este proxecto que quere impulsar a eléctrica italiana na zona. Trátase pois de que o conxunto da poboación coñeza as súas implicacións sobre a contorna e, de ser o caso, actúe na defensa dos seus dereitos e intereses.

Cabe recordar que o Ministerio de Política Territorial e Función Pública anunciaba a mediados de xuño a apertura do prazo de exposición pública do Estudo de Impacto Ambiental e máis da solicitude de autorización administrativa previa deste parque eólico. E ata o 27 de xullo pódense presentar alegacións ante Área de Industria e Enerxía da Delegación do Goberno en Galicia.

A do Roxal será a primeira dunha serie reunións informativas que se levarán a cabo en distintos puntos do municipio. Unha rolda que chega tras o encontro entre os expertos de Ventonoso e os portavoces municipais, na que se abordou, dende un punto de vista técnico, o proxecto enerxético; e se avaliaron posibles pasos a dar no marco do procedemento administrativo en curso.

O proxecto de Enel que afecta a Neda forma parte dun conxunto de seis parques eólicos situados na zona noroccidental da provincia da Coruña, en desenvolvemento por parte de Enel Green Power España S.L. e cunha potencia instalada conxunta de 611 MW. Todos contarían cun mesmo punto de conexión á rede, a Subestación de REE As Pontes (posición Grupo 3 da Central Térmica).

Share.

Comments are closed.