O Concello convida ao alumnado dos coles de Neda a achegarse á historia e actividade da Fábrica de Xubia

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

Preto de medio centenar de alumnos e alumnas de 1º, 2º e 6º de Primaria do CEIP San Isidro participaban entre onte e hoxe, xunto aos seus profes, nunha serie de visitas guiadas á Fábrica de Xubia no marco do programa “Educando en patrimonio e historia”, que promove o Concello de Neda. Acompañados da concelleira de Ensino, Ángeles Puentes, e da estudante do Grao de Moda Antía Fuentes, e guiados polo director de Galicia Textil SA, Héctor González, achegábanse ao proceso artesanal de elaboración dos tecidos e, sobre todo, á historia dunhas instalacións que superan os 200 anos de vida.

Así, no pasillo central exterior, e ás portas da igrexa que alberga a fábrica, González repasaba a orixe da factoría como Fábrica Nacional de Moeda e Timbre, fábrica de construción de fusís e tamén de chapas de cobre coas que se recubría o armazón dos barcos de madeira, mellorando así a súa navegabilidade ao evitar a adherencia de algas ou crustáceos. Accedían ao templo, nun moi bo estado de conservación trala rehabilitación realizada en 1995 polos actuais propietarios -adquiriron a fábrica en 1982-, e fotografiábanse xunto ao escudo nos xardíns da parcela, que ocupa uns 55.000 metros cadrados. Observaban tamén os edificios que albergan as antigas vivendas dos e das traballadores/as e consello de administración, e accedían á planta de elaboración de tecidos. Unha planta que segue a técnica artesanal de toda a vida, baseada no tear de madeira, pero a maior velocidade coa incorporación de maquinaria electrónica. Así, cada día se elaboran 7.000 metros de tea en Neda -máis de 1,8 millóns de metros en 2022-.

O proceso comeza no urdidor, enrolando fío a fío. Ata 700 metros de fío por minuto. Logo, pasa á encoladora, onde se unifican os fíos, e máis tarde á remetedora, onde se deseña a estrutura do tecido, e que constitúe a antesala do corazón da fábrica, o tear. Unhas teas que se almacenan e exportan a outras factorías para un tratamento posterior que permitirá o seu uso na confección de roupa de traballo ou uniformes para sectores como os de Defensa, Sanidade, Industria…

As visitas continuarán tralo Entroido, co alumnado do CEIP de Maciñeira.

Share.

Comments are closed.