O Concello convida a descubrir Neda a través dunha serie de percorridos guiados en outubro

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

Trala súa celebración durante o mes de agosto, e a súa boa acollida, o Concello reedita a súa aposta polo programa turístico “Descubrindo Neda”. Celebrarase neste mes de outubro, con catro saídas guiadas polo municipio a cargo da técnica de Turismo, Victoria Fornos, e participación gratuíta previa reserva de praza.

O calendario arrancará o vindeiro mércores 6 de outubro, cun percorrido polo casco histórico da real vila. Partirá ás 17 horas do Albergue de Peregrinos. De dificultade baixa, a inscrición abrirase mañá xoves 30 de setembro (ata o luns 4 de outubro ou completar prazas). Percorrerá o paseo marítimo ata a igrexa de Santa María, construción barroca que custodia unha talla aínda máis antiga e rodeada de lenda, o Cristo da Cadea. As persoas participantes poderán descubrir como era o trazado medieval da vila, o punto no que se atopaba o primeiro dos muíños do río Belelle e tamén algún do patrimonio desaparecido. Outra parada destacada será na Torre do Reloxo, outrora hospital de peregrinos, que atendía tamén a enfermos. A última parada será a igrexa de San Nicolás, que conserva o sepulcro de Diego Esquío, membro dunha importante familia da nobreza local.

A segunda ruta celebrarase o 11 de outubro, coa mesma hora e punto de partida que a anterior. De dificultade tamén baixa, abrirase inscrición do 5 ao 8 de outubro (incluídos). O segundo percorrido parte tamén do albergue de peregrinos, e centrarase no patrimonio histórico de Xuvia e Casadelos. En primeiro lugar percorrerá a ribeira de Xuvia ata a ponte de pedra, importante vía de comunicación que foi nun tempo dos Andrade. Xunto a ela, veremos a que foi unha das Casas Reais da monarquía do século XVIII, primeiro como fábrica de cobre e logo como fábrica de moeda, para seguir hoxe en día en funcionamento como fábrica textil. Outra parada a realizar será a capela de San Antonio de Casadelos, exemplo de arquitectura barroca rural, para seguir o ascenso cara o miradoiro do monte de Ancos, cunha das mellores vistas panorámicas da ría e lugar de lendas que nos levarán a un pasado máxico.

Nese mesmo prazo tamén se poderá un apuntar á terceira ruta, Circular co Pazo de Isabel II como punto de partida e chegada. Neste caso, está prevista para o 13 de outubro ás 17 h. A súa dificultade é alta, e poderemos remontarnos ata mediados do século XIX, cando se creou neste edificio unha punteira fábrica de tecidos, recoñecida na Exposición Universal de Londres. Coñeceremos un uso anterior do muíño do Carballal, cando era coñecido como de Taxonera, e pararemos a visitar o muíño da Barcia, que conserva algunha das moas que xiraban para facer a fariña do recoñecido pan de Neda. O percorrido pasa a dificultade alta cando se produce a subida ata o miradoiro de Viladonelle, e unha última parada será a igrexa de San Andrés, preto do antigo castro.

E, pechando o programa, está programada a ruta Circular por San Pedro de Anca, con saída da igrexa o 13 de outubro ás 17 h. Nesta ocasión, a inscrición deberá formalizarse do 14 ao 19 de outubro. Partindo da igrexa nova, pasaremos logo á antiga, Nosa Señora dos Remedios, que a pesar de ser do século XVIII, conta no seu interior con restos anteriores que reponden a unha construción previa que se relaciona coa familia dos Andrade. Moi preto está o que podería ser o conxunto de fonte e lavadoiro dos Galanos, que podería ser o máis antigo de toda Neda. A ruta continúa por pistas rodeadas de vexetación e unha última subida levaranos ata un camiño de terra polo que retornaremos ao punto inicial.

As prazas están limitadas a 20 por ruta e a inscrición debe formalizarse no teléfono do Albergue de Peregrinos: 682 623 335 (en horario de 10,30 a 15 h).

Share.

Comments are closed.