Mércores, Decembro 4

O Concello consigue novos fondos para reforzar o servizo da biblioteca municipal

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Concello de Neda contará no 2024 co apoio autonómico para ampliar o seu catálogo bibliográfico e desenvolver actividades de dinamización lectora. En total, a administración local contará con algo máis de 3.250 euros de subvencións, que sumará aos fondos propios, para reforzar o servizo.

O groso das axudas irá destinado a ampliar o catálogo de obras e actualizar as coleccións dispoñibles para a consulta e préstamo a domicilio (más de 2.400 euros). Nesta liña, prestarase especial interese a adquisición de novidades editoriais en galego en formato físico, buscando así que o centro, integrado na Rede de bibliotecas públicas de Galicia, conte con copias dos libros no momento da súa entrada no mercado.

En paralelo, reforzarase a colección xeral de títulos existentes, tento en galego como en castelán, para dar resposta ás demandas formuladas polas persoas usuarias. Estes materiais deberán ter como obxectivo o préstamo a domicilio ou a consulta en sala.

A través desta subvención, no 2023 mercáronse un total de 197 obras que, xunto ás adquiridas con fondos directamente municipais, contribuíron a poñer ao día os fondos bibliográficos, e aumentar o atractivo da biblioteca municipal.

Finalmente, o Concello disporá doutros 840 euros de axuda para a realización de actividades de animación á lectura no marco do programa Ler conta moito. Unha aposta por fortalecer o papel deste equipamento como espazo de relación, e como axente para promover o desenvolvemento cultural.

Share.

Comments are closed.