O alcalde de Neda, Ángel Alvariño, debullaba este mediodía aos portavoces dos partidos con representación municipal e aos membros da Plataforma de afectados pola riada os contidos da reunión mantida días atrás co xerente de Augas de Galicia. Un encontro que deixou patente a falta de vontade do ente público empresarial, dependente da Xunta de Galicia, de axudar a Neda na adopción de solucións. Ante este panorama, o rexedor municipal confirmaba o compromiso da administración local de promover as actuación precisas para evitar que se repita un episodio como o rexistrado o pasado 14 de novembro.
O primeiro edil referiuse ao estudo contratado polo Concello para avaliar a situación dos ríos Basteiro e Belelle, e concretar medidas concretas para tentar acabar, dunha vez por todas, coas inundacións. A este respecto, comprometeuse coa veciñanza a compartir o avance do documento, coas propostas de actuación, tan pronto como estea dispoñible.
O Concello encargarase ademais, segundo manifestou Alvariño, da redacción dos proxectos técnicos das obras prioritarias que nesa diagnose se determinen, e buscará os fondos para poder executalas. Con todo, lembraba que a administración local non poderá facer nada nos ríos se Augas de Galicia non autoriza as intervencións.
Na reunión, desenvolvida na Casa Consistorial, Alvariño aludiu ao que, na súa opinión, son “punto críticos”, por exemplo, algunha das presas e pontes existentes, en liña co estudo realizado polos propios afectados/as. Pero apuntou que a única obra que recomendaron facer dende o ente empresarial é a ampliación da ponte de Pename para redistribuír o caudal entre os dous ríos.
Finalmente, abordouse o tema de posibles novas axudas. Ao marxe das subvencións para paliar os danos nas vivendas e enseres do Ministerio do Interior, dende o Concello insistiuse novamente na posibilidade de que as familias afectadas soliciten axudas de emerxencia municipal para facer fronte a gastos urxentes e de primeira necesidade, adiantando que se revisarán os límites de renda para poder atender ás demandas dos prexudicados.