O Concello de Neda asumirá a redacción do estudo completo de situación dos ríos Basteiro e Belelle, os proxectos técnicos das posibles actuacións para evitar que se repitan na zona das Augas e de Santa María inundacións como a rexistrada o 14 de novembro, e o financiamento das posibles obras. A decisión do alcalde, Ángel Alvariño, chega tras unha reunión co xerente de Augas de Galicia, que deixa en mans da propia veciñanza e do Concello as medidas de autoprotección a adoptar ante novas riadas. Este xoves, a partir das 12 horas, está convocada unha reunión cos voceiros municipais e máis cos representantes da Plataforma de afectados para trasladar ao detalle o contido do encontro e avanzar liñas de actuación.
Augas de Galicia, entidade pública empresarial dependente da Xunta, achaca as periódicas riadas á construción décadas atrás das vivendas en zona inundable. En liñas xerais, recomenda adaptar o PXOM; suxire ao Concello dotarse dun plan de emerxencias ante inundacións; e apunta como posible mellora a “ampliación da Pontegrande” para redistribuír o caudal entre os dous ríos. Con todo, máis alá da limpeza no tramo interurbano do leito fluvial que, a todas luces chega tarde, “a Xunta non ten previsto axudar a Neda”, conclúe o rexedor.
Dende o Concello lamentan a decisión, e lembran que, dende as inundacións do 2016, o goberno local vén reclamando sen éxito a reforma de varias presas que desvían auga ao Basteiro cando o Belelle chega a un determinado nivel. Unha petición que foi reiteradamente ignorada.
O alcalde de Neda explica que, en función do que conclúa o estudo municipal, xa adxudicado e avanzado, decidiranse as actuacións a adoptar- entre outras, a posible ampliación da Pontegrande- e buscaranse os fondos precisos para poder executalas. Con todo, advirte o rexedor de que paradoxalmente calquera obra que propoñan deberá contar co visto e prace de Augas de Galicia.
Este xoves, a partir das 12 horas, está convocada unha reunión na Casa Consistorial cos voceiros dos distintos partidos con representación municipal e máis cos representantes da Plataforma de Afectados para analizar a situación a avanzar posible liñas de actuación.