O Concello aposta pola autoliquidación do ICIO nas obras suxeitas a comunicación previa

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

Os veciños e veciñas de Neda que queiran leva a cabo obras suxeitas a comunicación previa terán que “autoliquidar” o correspondente imposto de construcións. O Concello Pleno modificaba onte por unanimidade a ordenanza reguladora deste tributo municipal co fin de xeneralizar esta opción, que xa se permite na actualidade, co obxectivo de facilitar á cidadanía os trámites.

Os cambios introducidos establecen que se procederá á autoliquidación no momento en que se presente esa comunicación “cuxa carta de pagamento deberá presentarse no momento de dar conta ao Concello das obras a realizar”. A medida, tal e como explicou o goberno local durante a reunión plenaria, desenvolvida onte na Casa da Cultura, busca axilizar ao máximo os trámites tributarios.

Os parágrafos incorporados á norma apuntan ademais á posibilidade de practicar una liquidación complementaria “se no momento de que os servizos municipais realicen unha inspección técnica se comprobase que a base liquidable é superior á declarada pola persoa interesada”.

A modificación pasará agora a fase de exposición pública e, de non presentarse reclamación entenderase definitivamente aprobada. Con todo,  non entrará en vigor ata a correspondente publicación no Boletín Oficial da Provincia.

Non foi o único cambio no que atinxe ás ordenanzas fiscais. Así, tamén se aprobou por unanimidade actualizar os coeficientes da plusvalía municipal para 2024. A medida busca adaptalos aos aprobados para este ano polo Goberno central.

Share.

Comments are closed.