O Concello ampliará a 5 anos o prazo de cesión dos locais municipais a asociacións e entidades

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Concello de Neda ampliará o prazo de cesión dos locais municipais ás diferentes entidades e asociacións do municipio. Así, ese periodo pasará dos 3 anos establecidos nos convenios actuais aos 5 previstos. O equipo de goberno avanzaba a iniciativa aos representantes do tecido asociativo esta semana, na xuntanza que mantiveron no salón de actos da Casa da Cultura, coa presenza do secretario municipal. O obxectivo é dar maior estabilidade e seguridade ás entidades na planificación da súa actividade.

A través dos convenios de cesión, o Concello facilita un espazo ás asociacións, auténticas dinamizadoras da actividade sociocultural da vila, e asume tamén os gastos derivados do mantenemento e os custes do recibo da luz, un apoio especialmente significativo no momento actual. Como contrapartida, as asociacións comprométense a levar a cabo as tarefas de limpeza das instalacións.

Na mesma xuntanza, o secretario informou dos últimos cambios normativos establecidos pola Xunta de Galicia en relación ás políticas de prevención da covid-19 e, nomeadamente, todo o tocante á realización de actividades, moi condicionadas ata o momento para as entidades e asociacións. De feito, esta situación levaba o pasado ano ao Concello a modificar, de forma consensuada co tecido asociativo, as bases que rixen a concesión de axudas municipais de modo que se puidesen abrir tamén á realización de investimentos (e non só á promoción de actividades como ata ese momento).

Share.

Comments are closed.