Esgótanse en 40 minutos as prazas para a última ruta guiada do programa turístico “Descubrindo Neda”

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

En apenas 40 minutos se cubriron esta mañá a totalidade das prazas ofertadas polo Concello de Neda para a terceira e última das rutas guiadas do programa “Descubrindo Neda”, que terá lugar o 25 de agosto. O ciclo de camiñadas, destinado a descubrir a veciños e visitantes o patrimonio histórico, cultural e natural do municipio despedirase cun itinerario circular con saída dende Cruz do Pouso.

A andaina arrincará ás 19 horas dende a explanada das naves de Bouza. Terá un percorrido duns 7 quilómetros e unha duración aproximada de 2 horas, sendo de dificultade media. A ruta, guiada pola técnica municipal de turismo, permitirá coñecer de preto o antigo muiño de vento de finais do século XIX, utilizado ata o ano 53 como taller pirotécnico, ademais das igrexas de San Pedro de Anca e a dos Remedios.

“Descubrindo Neda”, programa ideado para poñer en valor a riqueza natural e histórica do municipio e atender a demanda de visitas guiadas por parte de turistas e peregrinos, incluíu ao longo do mes de agosto unha primeira ruta polo casco histórico da vila e unha segunda con saída dende o pazo de Isabel II, pasando pola Fervenza e o miradoiro de Viladonelle.

Share.

Comments are closed.