Mércores, Decembro 4

O Concello abre o 21 de marzo o prazo de matrícula na escola infantil para novos/as alumnos/as

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

A escola infantil Os Pelegríns de Neda abrirá o vindeiro 21 de marzo o prazo para formalizar matrícula para os novos alumnos e alumnas de cara ao vindeiro curso 2022-23. Así, as familias con fillos/as de entre 3 meses a 3 anos interesadas neste recurso poderán realizar o trámite no rexistro da casa consistorial ou ben telematicamente a través da sede electrónica. Como data límite, o 16 de abril. Iso si, en caso de non cubrirse as 40 prazas ofertadas, o Concello mantería aberto ese prazo ata completalas. Ademais, nestes momentos, e ata o 15 de marzo, continúa aberto o prazo de reserva de praza para os nenos e nenas que xa acuden neste curso ó centro.

Trátase dun recurso fundamental para a conciliación da vida familiar e laboral das familias con nenos e nenas pequenos/as no que teñen preferencia as empadroadas en Neda. Abría as súas portas en 2017 no Empedrón, xunto ó IES Fernando Esquío, nunha contorna privilexiada que mira ó paseo marítimo de Neda, e a unión dese espazo natural no que se empraza e un proxecto educativo de calidade son as súas sinais de identidade.

Abre as súas portas de luns a venres de 8 a 16 h, con posibilidade de xornada completa, media xornada e horas soltas sumadas a esta última. A programación didáctica prima as actividades manipulativas e lúdicas, a experimentación e o xogo. Cada día, a entrada adáptase ás necesidades das familias e vai dende as 8 ás 10 h. Aí arranca o tempo da merenda na sala de usos múltiples situada na planta baixa. A xornada continúa nas aulas de 0 a 3 e de 1 a 2 anos, na primeira planta, e para facilitar o cambio, o centro conta con ascensor. A partir das 12 h toca comedor e, ó seu remate, tempo de sesta. Xogo e recollida por parte das familias.

O equipo do centro municipal está integrado por 2 educadoras, 1 directora e 1 cociñeira que se encarga de elaborar nas propias instalacións, con cociña, os menús diarios dos nenos e nenas, seguindo un recetario saudable e adaptado ás súas necesidades.

As instalacións, que destacan pola súa luminosidade, accesibilidade e amplitude, sitúanse nunha ampla parcela con zonas verdes nas que fomentar as actividades no exterior. Sobre todo, no parque infantil anexo ó centro.

Share.

Comments are closed.