O Concello de Neda informa ás familias con nenos e nenas de entre 3 meses e 3 anos que este luns 21 de marzo abre o prazo de matrícula na escola infantil Os Pelegríns para novos alumnos e alumnas. Un trámite que pode realizarse tanto na casa consistorial (oficinas xerais situadas na primeira planta) como a través da sede electrónica. A data tope é o 16 de abril, pero de non cubrirse as 40 prazas ofertadas manteríase aberto o prazo de reserva.
A escola infantil de Neda abría as súas portas en 2017 no Empedrón, nunha contorna privilexiada situada nas inmediacións do paseo marítimo. Trátase dun recurso fundamental para a conciliación da vida familiar e laboral das familias con nenos e nenas pequenos/as no que teñen preferencia as empadroadas en Neda.
De luns a venres, abre as súas portas de 8 a 16 h, con posibilidade de xornada completa, media xornada e horas soltas sumadas a esta última. A programación didáctica prima as actividades manipulativas e lúdicas, a experimentación e o xogo. Cada día, a entrada adáptase ás necesidades das familias e vai dende as 8 ás 10 h. Aí arranca o tempo da merenda na sala de usos múltiples situada na planta baixa. A xornada continúa nas aulas de 0 a 3 e de 1 a 2 anos, na primeira planta, e para facilitar o cambio, o centro conta con ascensor. A partir das 12 h toca comedor e, ó seu remate, tempo de sesta. Xogo e recollida por parte das familias.
O equipo do centro municipal está integrado por 2 educadoras, 1 directora e 1 cociñeira que se encarga de elaborar nas propias instalacións, con cociña, os menús diarios dos nenos e nenas, seguindo un recetario saudable e adaptado ás súas necesidades.
As instalacións, que destacan pola súa luminosidade, accesibilidade e amplitude, sitúanse nunha ampla parcela con zonas verdes nas que fomentar as actividades no exterior. Sobre todo, no parque infantil anexo ó centro.