A Asociación micolóxica Viriato organiza, coa colaboración do Concello, as “III Xornadas micolóxicas de Neda”. Trátase dunha actividade gratuíta de iniciación ao mundo dos fungos e dos cogomelos, que se desenvolverá do 30 de novembro ao sábado 2 de decembro. Este luns ábrese o prazo de inscrición.
Apuntan dende a organización que, como nas edicións anteriores, haberá dúas xornadas cunha compoñente máis teórica, que terán lugar na Casa das Palmeiras, entre as 19 e as 21 horas. E haberá unha saída final de observación durante a mañá do sábado.
Quen asista ás xornadas terá a oportunidade de coñecer as diferencias entre fungos e cogomelos; saberá un pouco máis sobre as súas principais características, o seu modo de reprodución, tipoloxías… Aprenderá a diferenciar as variedades comestibles das que son tóxicas.
As explicacións dos expertos de Viriato acompañaranse coa mostra de exemplares. Con todo, será na xornada final, durante a saída de campo na que os participantes terán ocasión de comprobar o aprendido. Realizarase ben no parque micolóxico do Belelle e a súa contorna, ben na serra do Forgoselo.
As persoas interesadas en asistir poderán anotarse ata o día anterior ao arranque da actividade, contactando coa biblioteca municipal (teléfono 981390233). As prazas son limitadas.