Aberto ata o 10 de xuño prazo de preinscrición no campamento gratuíto de verán “Neda concilia”

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Concello activará durante o mes de xullo “Neda concilia. Campamento de verán”. Trátase dun servizo gratuíto, dirixido a facilitar aos pais e nais do municipio a conciliación de vida laboral e familiar durante unha parte das vacacións escolares, ofertando unha programación de lecer variada e atractiva para o público infantil. O prazo para preinscribirse será do 4 ao 10 de xuño.

O servizo, atendido por persoal especializado, funcionará de luns a venres, en horario de 8.45 e 13.45 horas (agás o Día de Galicia) nas instalacións do CEIP San Isidro, e estará dirixido a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos. Poderanse beneficiar exclusivamente menores empadroados en Neda.

Organizados en grupos, en función da idade, participarán cada día nunha morea de propostas diferentes. Así, haberá actividades deportivas, lúdicas, medioambientais, plásticas… e se fomentará á rapazada participante en valores como a igualdade, o respecto aos outros, ou a solidariedade.

O Concello ofertará un total de 90 prazas no marco de “Neda concilia. Campamento de verán”, que se adxudicarán por rigorosa orde de inscrición. O prazo de preinscrición no programa, que conta co apoio do Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero, rematará o 10 de xuño ás 14 horas. A  folla de preinscrición pode retirarse no Concello ou descargarse aquí, e haberá que entregala debidamente cuberta na Casa Consistorial.

Tras a publicación da lista de menores admitidos, abrirase un prazo para formalizar a inscrición na biblioteca municipal.

FICHA DE INSCRICIÓN E MÁIS DOCUMENTACIÓN

Share.

Comments are closed.