O Concello abre a inscrición en novos percorridos guiados do programa “Descubrindo Neda”

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Concello abre hoxe o prazo de inscrición na segunda e terceira ruta do programa turístico “Descubrindo Neda”: Ruta Circular Miradoiro de Ancos e Ruta Circular Pazo de Isabel II. Percorridos guiados pola técnica de Turismo, Victoria Fornos, con participación gratuíta e reserva previa de praza no teléfono 682 623 335 (en horario de 10,30 a 15 h). Están limitadas a 20 por saída e cubriranse por orde de inscrición.

A segunda ruta celebrarase o vindeiro luns, 11 de outubro, e partirá ás 17 horas do Albergue de Peregrinos. De dificultade baixa, centrarase no patrimonio histórico de Xuvia e Casadelos. En primeiro lugar percorrerá a ribeira de Xuvia ata a ponte de pedra, importante vía de comunicación que foi nun tempo dos Andrade. Xunto a ela, veremos a que foi unha das Casas Reais da monarquía do século XVIII, primeiro como fábrica de cobre e logo como fábrica de moeda, para seguir hoxe en día en funcionamento como fábrica textil. Outra parada a realizar será a capela de San Antonio de Casadelos, exemplo de arquitectura barroca rural, para seguir o ascenso cara o miradoiro do monte de Ancos, cunha das mellores vistas panorámicas da ría e lugar de lendas que nos levarán a un pasado máxico.

A terceira ruta, Circular co Pazo de Isabel II como punto de partida e chegada, terá lugar o 13 de outubro ás 17 h. A súa dificultade é alta, e poderemos remontarnos ata mediados do século XIX, cando se creou neste edificio unha punteira fábrica de tecidos, recoñecida na Exposición Universal de Londres. Coñeceremos un uso anterior do muíño do Carballal, cando era coñecido como de Taxonera, e pararemos a visitar o muíño da Barcia, que conserva algunha das moas que xiraban para facer a fariña do recoñecido pan de Neda. O percorrido pasa a dificultade alta cando se produce a subida ata o miradoiro de Viladonelle, e unha última parada será a igrexa de San Andrés, preto do antigo castro.

Share.

Comments are closed.