Martes, Decembro 3

O avance das obras de mellora das beirarrúas da avenida de Alxeciras fará necesario novas restricións de estacionamento a partir do luns

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O avance dos traballos de acondicionamento das beirarrúas da Avenida de Alxeciras, no tramo comprendido entre a rúa Roseira e o camiño do Regueiro, provocará, a partir do próximo luns novas restricións en materia de estacionamento na zona. Desta volta, as afeccións corresponden á marxe dereita da avenida, circulando en dirección Fene, é dicir, ao lado no que se localiza o Eroski.

Así, tal e como vén de sinalizar o Concello, dende o 16 de outubro, a partir das 8 horas, e ata a finalización dos traballos, prohíbese estacionar e aparcar nese lado da estrada. Unha medida que busca facilitar ao máximo a execución dunhas obras que contribuirán a reforzar a seguridade dos peóns, a mellorar as redes de servizos básicos e a dotar a esta zona dunha imaxe urbana, acorde coa do resto da avenida.

En algo menos de mes e medio, a firma adxudicataria do proxecto -Construcciones Siber Ordes SL-completaba o groso da intervención no marxe oposto da principal arteria de comunicación da localidade. Nesa zona, na que xa se pode volver a estacionar, a beirarrúa xa loce o novo pavimento de baldosa hidráulica, fronte ao anterior de formigón, que presentaba resaltes e obstáculos; instaláronse as novas canalizacións para recoller as augas pluviais e substituíronse as tubaxes de fibrocemento da rede de abastecemento. Unhas actuacións que se replicarán agora na outra beirarrúa da avenida.

Dende o Concello de Neda, conscientes das molestias derivadas das obras, que afectarán a un espazo especialmente transitado da vila, a contar con distintos establecementos comercias e de hostalería, piden desculpas anticipadas. Inciden ademais na necesidade do proxecto, que conta cun investimento de algo máis de 100.000 euros, financiado con cargo ao POS 2022,  para mellorar este espazo urbano.

Share.

Comments are closed.