O alumnado do CEIP San Isidro aprende mates, ciencias ou robótica a través do Camiño Inglés

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

Dende primeiros de 2022, o alumnado do CEIP San Isidro está a aprender mates, ciencias, lingua, robótica… a través do Camiño Inglés. Así é grazas ó innovador proxecto Neda no Camiño deseñado polos profes do cole con 3 obxectivos moi claros e un montón de beneficios derivados: dinamizar a Biblioteca escolar e os procesos de aprendizaxe do propio centro; desenvolver as competencias do alumnado e traballar, e dar a coñecer un recurso moi cercano ós nenos e nenas de Neda, polo que discorre parte da primeira etapa.

Para iso, os profes organizáronse en 4 grupos coordinados baixo os significativos nomes de: Botafumeiro e Bocha (encargados de recopilar recursos -fotos e vídeos sobre todo- ós que o alumnado recorre para as súas investigacións e tamén de artellar no primeiro caso os retos a plantear para cada curso); Vieira (que se ocupa de deseñar a ruta de peregrinaxe -credenciais, cuño, compostelá, táboa de datos…), e Bordón (entregado á parte máis lúdica, como é a elaboración de xogos e dinámicas vencelladas ó Camiño).

Tras un traballo previo que contemplou a realización da primeira etapa por parte dos profes, en febreiro arrancaban os primeiros proxectos cos estudantes. A mascota do centro, Nediña, enviaba ás clases de Infantil e Primaria unha carta na que os retaba a descubrir o significado das reliquias que contiñan os caixóns que acompañaban á misiva. E aí comezaba a investigación sobre o Camiño. En paralelo, arrancaba a particular peregrinaxe dos alumnos e alumnas. Unha ruta sinalizada no propio centro que realizan diariamente nos recreos, titorías ou clases de Educación Física, coa que non só van completando etapas, cuñando selos e achegándose á ansiada Compostela, senón que tamén o centro combate o sedentarismo e fomenta hábitos saudables a través da práctica deportiva; tamén traballa valores como o compañeirismo e a solidariedade, e avanza no programa curricular a través de aprendizaxe, entre outras materias, de matemáticas.

As actividades continuarán nos vindeiros meses con novos retos. O máis inmediato, un Obradoiro de relatos curtos para exprimir a aprendizaxe en galego ou un taller de decoración de vieiras, no que tomará o protagonismo a creatividade. Vencellado á robótica, o alumnado tamén guiará robots polo Camiño, con paradas nos diferentes albergues e con pase segundo vaian resolvendo interrogantes vencellados. Co mundo da radio na mente, gravarán un podcast na Biblio sobre a ruta xacobea -que teñen intención de compartir na web do centro-. Ademais, plantearán xogos xacobeos e realizarán unha saída en abril para cubrir unha parte da ruta ó seu paso por Neda. Como colofón ó proxecto, os profes están a traballar na celebración dunha gran feira no centro, que serva de escaparate de todo o traballo realizado polos nenos e nenas, e tamén prevén elaborar unha guía turística cos principais recursos do Camiño no municipio.

Un proxecto da comunidade escolar do CEIP San Isidro que nace do impulso dos seus docentes no marco da Formación Permanente do Profesorado na que participan. Un proxecto e unha formación que teñen por obxectivo último integrar de novo a Biblioteca escolar no Plan de Melloras de Bibliotecas Escolares da Xunta (PLAMBE), na procura de centros de lectura activos nos que alumnado e profesorado poidan avanzar nos seus obxectivos e ampliar a calidade dos procesos de aprendizaxe ou de ensinanza.

Share.

Comments are closed.