O albergue de peregrinos de Neda amplía ao 50 % a súa ocupación

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O albergue de peregrinos de Neda funciona agora ao 50 % da súa capacidade. Dende o pasado sábado son de aplicación no equipamento turístico  xestionado polo Concello as novas medidas para acoller con seguridade aos peregrinos que percorren as rutas xacobeas, que establecía a Xunta ante a evolución da situación epidemiolóxica. Medidas que implican unha pequena ampliación de aforos, e que coinciden no tempo cun repunte na chegada de romeiros.

Así o primeiros dos albergues do Camiño Inglés poderá ocupar “cando o aloxamento compartido non sexa dun grupo de convivencia estable” un total de 14 das 28 prazas das que dispón. Ata o de agora o  límite de aforo era dun terzo, polo que só estaban habilitadas nove camas. Trátase pois dun avance, que chega nun momento en que esta ruta xacobea está a recuperar o seu impulso. Cabe apuntar que no mes de xullo optaron polo itinerario que parte do porto de Curuxeiras, en Ferrol, 2.155 persoas; un incremento substancial con respecto a mes anterior, con 730 peregrinos.

Segundo recolle o DOG do pasado venres, o límite de aforo nos albergues non operará no caso de “peregrinos que realicen o Camiño en todas as súas etapas no territorio galego nun mesmo grupo «burbulla» ou de convivencia estable”. Iso si, terase que acreditar a constitución dos grupos de convivencia estable para o aloxamento compartido, esixindo que todos os integrantes do grupo presenten unha declaración responsable, sen que, unha vez feita, poidan admitirse novos membros.

O albergue de Neda reabría as súas portas o 15 de xuño, con reserva online, que se suprimía iniciado o mes de xullo. Dende entón por orde de chegada. Establécese, iso si, unha orde de prelación para a acollida: peregrinos con limitacións físicas, os que fan a ruta a pé, os que van a cabalo, peregrinos en bici, persoas que viaxen con coches de apoio e, finalmente, inicien o Camiño no correspondente albergue.

Share.

Comments are closed.