Nova oportunidade para participar nos “Contos no Mirador. Ruta nocturna ao Monte de Ancos”

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Concello de Neda programa este venres, 20 de agosto, “Contos no Mirador. Ruta nocturna ao Monte de Ancos”.Trátase dun itinerario guiado, que concluirá cunha narración oral vencellada a este espazo natural. A actividade estaba prevista inicialmente para o pasado día 6 e tivo que aprazarse por mor do mal tempo. O cambio de data fai que agora queden algunhas vacantes e sexa posible abrir unha inscrición de última hora.

Explican dende as concellerías de Turismo e Cultura que a saída está prevista para as 22 horas dende o Albergue de Peregrinos de Neda, e todos os participantes terán que levar máscara e lanterna. Poderán participar nenos e maiores, se ben os primeiros deben ir acompañados dunha persoa adulta.

Unha vez rematado o ascenso, xa no coñecido miradoiro, repartirase chocolate e bola para que os camiñantes poidan recuperar os folgos, mentres Vero Rilo narra aos asistentes a lenda de Laureana, vencellada ao propio monte de Ancos, e outros contos.

As persoas que aínda non estean anotadas e queiran tomar parte nesta ruta poden reservar a súa praza mañá xoves e máis o venres (ou ata cubrir aforo), chamando ao 981 39 02 33 de 10 a 14 horas. A iniciativa busca descubrir un dos espazos naturais con mellores vistas do municipio e, ao mesmo tempo, fomentar hábitos saudables.

Share.

Comments are closed.