Neda incorpórase a partir desta semana ao proxecto Aloumiños. Trátase dunha iniciativa, promovida polo Colexio de educadoras e educadores sociais de Galicia e máis polo Sergas, que chega ao municipio, co apoio do Concello, para loitar contra a soidade non buscada das persoas maiores e, ao tempo, promover neste colectivo os hábitos saudables.
Este venres, 27 de setembro, a partir das 10 horas, o centro cívico de Neda acollerá a presentación deste programa (agradécese confirmación previa de asistencia no correo electrónico jessica.alouminos@ceesg.gal). Será nunha sesión que servirá para testar o interese da veciñanza e, da súa man, determinar as actividades coas que botará a andar.
Explica a educadora que estará a fronte de Aloumiños que, en función dos intereses das persoas interesadas, definirase un calendario de accións, que poden ir dende quedadas para conversar e tomar un café ata charlas sobre temas relativos ao benestar e a saúde ou paseos en grupo.
En principio, estableceranse reunións semanais todos os venres entre as 10 e as 11.30 horas, no centro cívico, espazo municipal no que desenvolven as escolas deportivas municipais e no que está ben presente Axune (Asociación de Xubilados de Neda).
O proxecto está aberta ao conxunto da cidadanía, se ben a prioridade será favorecer as relacións interpersoais e apoio social á poboación de máis idade, buscando que diminúan os sentimentos de soidade e, por exemplo, mellore a adherencia aos tratamentos.
Aloumiños desenvolverase en Neda e noutros doce municipios rurais das provincias da Coruña (Cerceda, Ordes, Tordoia, As Pontes de García Rodríguez, A Laracha, Neda, San Sadurniño, Mesía, Carral, Abegondo, Carballo, Coristanco) e de Pontevedra (Ponteareas), e conta co financiamento do Ministerio de Sanidade.