Martes, Decembro 3

Neda require a execución de traballos roza ou limpeza de fincas contemplados na lei de prevención de incendios

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Concello de Neda publicaba onte no Diario Oficial de Galicia un requirimento dirixido a titulares dun total de 503 parcelas para que procedan á xestión da biomasa vexetal e a retirada de especies arbóreas prohibidas. O obxectivo non é outro que cumprir co establecido na Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais.

A administración local recorre a esta vía por tratarse de propietarios descoñecidos ou ben por ignorar o lugar onde notificar o aviso. O listado publicado -adiántase que haberá outro- recolle as referencias catastrais de fincas que, tras a inspección realizada na segunda quincena do pasado mes de setembro, incumpren o establecido pola normativa.

Cómpre lembrar que a lei establece que os propietarios/as teñen que manter limpas, rozadas e libres de restos de vexetación as súas fincas nunha faixa de 50 metros perimetral ao solo urbano, de núcleos rurais e de vivendas illadas, ademais de manter unha distancia axeitada a pistas e outros equipamentos. E eses traballos, esixidos, entre outras cousas, para evitar a extensión de posibles lumes, deben facerse anualmente antes de finalizar o mes de maio de cada ano. Unha obriga que non se dá en ningunha das parcelas recollidas no anuncio.

Segundo consta no anuncio, os titulares das parcelas terán un prazo de 15 días naturais para o cumprimento voluntario das obrigas establecidas pola normativa galega.

Anuncio requirimento xestión da biomasa

Share.

Comments are closed.