O Concello de Neda entregaba a última hora da tarde 40 novos composteiros a outras tantas familias do municipio, que se interesaron nos últimos días por comezar a autoxestinar os seus biorresiduos. Foi durante unha charla informativa, realizada no Roxal, en colaboración con Sogama, na que se ofreceron claves útiles para conseguir un compost óptimo.
Técnicos de educación ambiental ofrecían durante a sesión as pautas para obter, a partir dos residuos orgánicos xerados na cociña e na horta, un abono natural que poidan utilizar nos seus xardíns ou leiras “completando así o círculo da reciclaxe”.
Así, incidiron en cuestións como a localización do compostador, en contacto coa terra para que os microorganismos, insectos e miñocas accedan ao seu interior; detallaron que materiais se poden utilizar (restos de verduras e froitas, pousos do café, infusións, cascas de ovo, restos de poda, herba cortada, follas secas…), parámetros que cómpre controlar e problemas que poden xurdir coas súas posibles solucións.
Ao finalizar o encontro, o edil de Medio Ambiente, Javier Novo, e a de Educación, Ángeles Puentes, facían entrega dos composteiros de 400 litros de capacidade, solicitados pola veciñanza.
Dende a área de Medio Ambiente se destaca a boa acollida da campaña (a demanda superou a rexistrada no 2022, cando houbo 30 peticións), e o crecente interese da veciñanza por colaborar coa reciclaxe. Con estas novas incorporacións, son xa preto de 150 – concretamente 145- as familias da localidade, todas con vivenda unifamiliar con horta ou con xardín, que participarán no programa municipal, reducindo así a cantidade que vai parar o colector da fracción resto.