Mércores, Outubro 14

Neda renovará o obsoleto alumeado do seu paseo marítimo, dotándoo de luminarias led

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Concello de Neda renovará nos vindeiros meses a totalidade da iluminación do seu paseo marítimo. O goberno local proporá ao pleno da corporación este luns financiar esta actuación, moi demandada pola veciñanza, dado os recorrentes problemas que rexistra, cos fondos adicionais do Plan Único (POS+ 2026) da Deputación da Coruña.

O proxecto, cun investimento duns 35.500 euros, contempla a substitución das actuais luminarias por outras tipo led ao longo do itinerario entre a ponte de Xuvia e Santa María. Cómpre apuntar que a antigüidade do alumeado existente, imposible de actualizar con equipos novos, e a entrada de auga nas luminarias orixina constantes cortes no subministro.

Por este motivo, a administración local promoverá a substitución das 90 luminarias instaladas  por outras equipadas con iluminación led, con menor consumo e cunhas condicións de estanquidade axeitadas á súa localización.

A administración local leva tempo buscando financiamento para materializar o proxecto. De feito, presentouse á liña de subvencións para a mellora das infraestruturas turísticas da Axencia de Turismo de Galicia, organismo autonómico que denegou en maio a axuda a Neda argüíndo que a solicitude foi rexistrada 137 segundos despois de terse aberto o prazo de solicitude, un lapso temporal que sería dabondo para terse esgotado o crédito dispoñible.

Share.

Comments are closed.