Cun discurso tremendamente emotivo, no que lembraba os sabores da súa infancia, impregnados dos keikes da súa avoa Cándida ou dos boliños de manteiga con azucre da avoa Mari, a xornalista local Ada Romero, pregoeira da 35 Festa do Pan de Neda, inauguraba este mediodía a cita no paseo marítimo. Xunto ao alcalde, Ángel Alvariño, e das concelleiras e concelleiros da corporación, reivindicaba “o pan de verdade, o de Neda”. Unha vila onde “o pan é arte, é cultura, e é tradición”, e onde “cada peza conta unha historia: a historia de quen a fai e a de quen a comparte”.
De aí que puxese en valor “o labor da xente panadeira, as mans que amasan con paciencia e cariño esas receitas que pasan de avós e avoas a netos e netas, e tamén innovan para mellorar día a día”. Así mesmo, a xornalista fixo unha mención especial ás mulleres, “moitas veces na sombra, aquelas que facían e fan silenciosamente o seu traballo: de noite cocendo, de día repartindo, pola tarde amasando, e conciliando todo este arduo traballo cos coidados dos fillos, das familias e das casas”.
Ada Romero tamén fixo memoria para lembrar as primeiras edicións na Feira de Albarón, en 1989, impulsadas pola veciñanza e panadeiros. Tras a declaración da cita como Festa de Interese Turístico de Galicia, defendeu a consecución para o pan local dunha Indicación Xeográfica Protexida ou dunha denominación de orixe, e concluiu a súa intervención agradecendo “a quen fai posible a festa, dende o Concello ata cada panadería, asociación ou voluntario que achega o seu gran de fariña, presentes e colaboradores. A quen vén de fóra e descobre que en Neda o pan ten outro sabor, porque aquí sabe a tradición e a familia”. E así se vivía esta mañá a festa.
Tras unha noite de choiva, esta cesaba xustamente ás 10:00 horas, coa apertura dos postos de venda das panaderías que participan na cita: La Nueva, Panificadora Germán, Santa Rita e Paca Castro. Como colaboradoras, La Gallega, Modesto Hermida e J. Castro Hermanos. Tras un tímido inicio, e a medida que o tempo melloraba, o público facíase máis presente, volvendo converter a cita en multitudinaria. Así se sentiu nos propios postos, que esgotaron existencias, con varias reposicións de produto.
A festa tamén contou de novo co mercado de artesanía, destacando este ano o número de firmas do sector da alimentación, pero tamén outros moitos postos con prendas de roupa, xoiería, xoguetes e mesmo produtos solidarios. A animación musical pola mañá correu por conta de Os Viqueiras, con gaitas e cabezudos.
CONCURSO DE EMPANADAS
Ao remate do pregón, o Concello entregaba os agasallos do concurso de empanadas “En lembranza de Albarón”, no que tomaron parte dez veciños e veciñas. O xurado estivo integrado por José Pita, director de El Boletín; Teresa Primoy, veciña con estensa tradición familiar panadeira, e máis Carmen Yáñez, directiva de Axune. Tivérono compricado, e finalmente outorgaban o primeiro premio á empanada de berberechos de Inés Cortés Sixto; o segundo á empanada de sardiñas de María del Carmen Sixto, e o terceiro á empanada de atún sen gluten de Fátima Casanova Ruano. Recibían así vales de compra por valor de 200, 150 e 100 euros respectivamente para gastar nas panaderías participantes ou colaboradoras nesta festa.
Fiel ao programa, sobre as 13:30 h o mítico grupo Los Zares subía ao escenario para ambientar a sesión vermú, antesala dun xantar popular multitudinario para o que se esgotaron os 500 tickets postos á venda.
DE TARDE
A festa continuará de tarde, e tras a actuación de A Charanga da Carmiña, xa sobre as cinco ofertaranse os obradoiros de elaboración de pan para nenos e nenas. A programación tamén contempla a actuación de Urban Galicia Breaking con Bboy Amor (17 h); o espectáculo familiar de clown de Arturo Cobas “Nono” (18:30 h) e o concerto de Lenda Ártabra (19:30 h).
A cita conta co apoio da Deputación da Coruña e coa colaboración da Xunta a través de Turismo de Galicia e Abanca, no marco das axudas para municipios con festas de interese turístico.