Neda regalará bolsas reutilizables de algodón reciclado nos supermercados do municipio a vindeira semana

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Concello de Neda lanza neste Día internacional libre de bolsas de plástico a acción promocional “Dille adeus aos plásticos”, que se desenvolverá ao longo da próxima semana. Trátase dunha iniciativa simbólica, destinada a fomentar a utilización de bolsas reutilizables por parte da veciñanza nos ultramarinos e supermercados do municipio, os negocios que, sen dúbida, máis bolsas dun só uso distribúen entre a veciñanza.

A iniciativa, incluída na campaña de sensibilización sobre a xestión dos residuos “Reducir, reutilizar e reciclar está nas túas mans”,  pon o foco no problema ambiental que representan as bolsas plásticas, que teñen unha vida útil media duns 12 minutos- o tempo do recorrido entre a tenda e a casa- e tardan en degradarse ata 150 anos. Un problema de enorme calado se se ten en conta que, no noso país, cada persoa usa e tira unha media de 142 ao ano.

O Concello entregará a cada un dos cinco supermercados da localidade un pequeno lote de 20 bolsas de algodón reciclado, para a súa entrega, no día asignado da próxima semana, aos primeiros clientes e clientas que fagan unha compra mínima de 20 euros.

A iniciativa, que busca ademais ter un detalle con quen elixe para as súas compras os supermercados locais, chegará o martes 7 de xullo ao Covirán Celina e Covirán Muchiqueira, na zona de Xuvia; o xoves 9 de xullo, será a quenda de Ultramarinos Somozas e Eroski City, no núcleo urbano, e o sábado 11, tocaralle ao Claudio Expréss, na zona do Puntal.

A acción promocional permitirá finalmente proxectar no tempo a mensaxe da campaña municipal sobre reciclaxe, que alude á responsabilidade de cada quen na axeitada xestión dos residuos.

Share.

Comments are closed.