Mércores, Decembro 4

Neda reforza o seu Punto de Información Catastral incorporando o servizo de atención por videoconferencia

Google+ Pinterest LinkedIn Tumblr +

O Concello de Neda adhírese ao “Catastro Directo”, un novo sistema que permitirá que o Punto de Información Catastral (PIC), situado na Casa Consistorial, ofreza á veciñanza atención mediante videoconferencia cos técnicos. Unha posibilidade que permite, por exemplo, resolver consultas nas que sexa preciso visualizar aspectos gráficos dos inmobles.

Súmase deste xeito á iniciativa, oficializada hai só unha semana polo Ministerio de Hacienda, para achegar aínda máis á cidadanía os servizos do Catastro, aproveitando as posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías. O PIC porá a disposición dos nedenses, “sen que o impida a falta de medios ou preparación tecnolóxica”,  todo o necesario para facer uso deste servizo, evitando que teñan desprazarse ás oficinas do Catastro.

Así, os veciños/as poderán ter unha cita no propio Concello cos técnicos das xerencias do Catastro para resolver, a distancia, mediante videoconferencia, consultas nas que sexa imprescindible visualizar ou describir aspectos gráficos dos inmobles, soportados en planos ou en fotografías.

Trátase dunha aposta do Concello e da Dirección General del Catastro para aproximar os produtos e servizos catastrais, sen ter que saír de Neda.  Amplíanse ademais servizos xa existentes como o de presentación de declaracións, recursos e solicitudes catastrais, así como o de consulta e certificación do valor de referencia.

Share.

Comments are closed.